Biblioteca Concepción Arenal, Ciencia política, Dereito constitucional, Exposicións, Historia do dereito

Setenta e cinco aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia

Camilo Díaz Baliño. Capa para “Estatuto de Galicia”. A Coruña, 1932.
Cartaz da exposición bibliográfica

A Biblioteca Concepción Arenal quere conmemorar o setenta e cinco aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia coñecido como Estatuto de 1936, ano en que foi aprobado en referendo. A pesares de non ser discutido nin sometido a aprobación no Congreso dos Deputados, serviu, polo menos, para que na Constitución española de 1978 Galicia fose considerada como nacionalidade histórica.

Elaboración

O proxecto definitivo de estatuto foi redactado e aprobado pola Asemblea rexional de municipios, presidida por Bibiano Fernández Osorio-Tafall, e que se reuniu na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, do 17 ao 19 de decembro de 1932. Foi elaborado, practicamente na súa totalidade, por Alexandre Bóveda, posteriormente fusilado polos sublevados. O triunfo da dereita e as eleccións do 19 de decembro de 1933 supuxeron de feito o adiamento do referendo ata xuño de 1936.

O Partido Galeguista, pilotado neses momentos por Castelao e Bóveda, comprendeu e asumiu que non habería autonomia para Galicia sen a volta ao poder dunhas esquerdas comprometidas co Estatuto, por iso asinaron un pacto con Izquierda Republicana, via pola que entraron na Fronte Popular, previa firme promesa de todos os seus integrantes de que, en caso de triunfar esta coalición, o referéndum da autonomía convocaria-se inmediatamente.

A Campaña

Os galeguistas non tiñan dúbida ningunha sobre a autonomía, e para convencer a maioría dos galegos dos incontables beneficios do Estatuto, mesmo presentaban como unha vantaxe que fose máis limitado que os de Cataluña e Euskadi, ate tal punto eran conscientes de que, por moito que os ventos soprasen agora algo máis favorables, o sentimento autonomista da maior parte das forzas vivas do país seguía a ser menos que fraco. Pero había que aproveitar eses ventos. E tanto o PG como a Dereita Galeguista aplicaron tódolos seus recursos nunha campaña común que foi bastante espectacular.

Castelao. Cartaz “Para que remate esta vergonza. Vota o Estatuto”. 1936

O Comité Central do PG tirou un millón de exemplares do Estatuto, milleiros e milleiros de follas e numerosos cartaces deseñados polos mellores artistas galegos, entre eles o propio Castelao e Camilo Díaz Baliño. A propaganda invadiu tamén os modernos medios emerxentes: a radio, o cinematógrafo e a megafonía móbil polas rúas. E naturalmente sucedéronse os manifestos desta ou daquela asociación, moitos incitados polos membros de filiación galeguista, como o dos universitarios ou dos mestres. Pero a columna vertebral da campaña foi o instrumento político-electoral por excelencia da época: os mitins. Fixéronse en tódalas cidades e vilas importantes. No conxunto deses actos colaboraron tódolos partidos do Frente Popular máis algúns centristas, pero o maior número de oradores foi aportado polos galeguistas e por Izquierda Republicana. Nos demais, como eran natural, aportaron máis entusiasmo aqueles que no seu día foron nacionalistas, como Xaime Quintanilla no PSOE ou Lois Peña Novo, agora en Unión Republicana.Pero os contrarios á autonomía, aínda que á defensiva, seguían en pé. Os radicais contaban pouco, mais a CEDA e Renovación Española acababan de demostrar a súa forza social nas recentes eleccións. E a apropiación de autonomía polo Frente Popular deulles novos argumentos, se é que os necesitaban, para reafirmarse na súa hostilidade contra toda desviación do tradicional unitarismo centralista español. Concretamente a organización da CEDA na provincia da Coruña publicou o día 26 de xuño un manifesto  no que pedía a abstención porque, se ben era partidaria dunha descentralización administrativa, tiña que opoñerse a un proceso que levaba a “destrozar la unidad nacional” e que ademais era ilexítimo de raíz pois o resultado do referéndum xa se sabía antes de celebrarse debido a “la imposibilidad en que se encuentran los más fuertes sectores de la opinión pública de exteriorizar su manera de pensar”. Esta posición era compartida polas demais organizacións provinciais da CEDA, así como por Acción Popular e o Bloque Nacional.

A actitude dos periódicos máis importantes estaba, como é lóxico, en función das simpatías políticas de cada un nese momento. Os xornais afíns ás dúas grandes organizacións da dereita, como El Ideal Gallego da Coruña, Faro de Vigo ou La Región de Ourense, traballaron abertamente polo fracaso do referéndum. La Voz de Galicia, sempre camaleónica, aínda que non era partidaria dunha auténtica autonomía política, baixou o diapasón anterior das súas críticas e non se manifestou abertamente hostil. Da banda do si, o máis importante foi El Pueblo Gallego, ó que acompañaron outros como El País de Pontevedra, La Zarpa de Ourense, El Emigrado de A Estrada, Nuevo Heraldo de A Guarda e, naturalmente, os nacionalistas A Nosa Terra e Heraldo de Galicia. En Madrid, seguindo os mesmos aliñamentos políticos, combateron a autonomía galega o monárquico ABC e o católico El Debate, e apoiárona El SonHeraldo de MadridEl Liberal,  La Libertad, ClaridadEl Socialista e Mundo Obrero.

A todo isto, a dilixencia gobernativa deixaba moito que desexar. O 14 de xuño os gobernadores civís aínda non publicaran a convocatoria. De demorárense un día máis non se podería celebrar legalmente a consulta na data prevista. O alcalde de Santiago, na súa condición de presidente do  comité Central, falou por teléfono con Osorio-Tafall, subsecretario de Gobernación, quen lle indicou a conveniencia de adiala ó 26 de xullo. Ánxel Casal negouse e probablemente ameazou cunha dura reacción política porque a convocatoria finalmente apareceu publicada nos Boletíns Oficiais das catro provincias os días 15 e 16. Eis como a firmeza deste dirixente do PG impediu que todo o movemento autonómico galego abortase no último momento, pois de aceptar o enésimo aprazamento gobernativo o referéndum non se celebrara nunca, dado que nesa data do mes de xullo Galicia estaba xa totalmente controlada pola rebelión militar.

E chegou o 28 de xuño 

Fernández Osorio-Tafall fixo un chamamento para que todos votasen afirmativamente. Castelao publicou en El Pueblo Gallego un artigo co significativo título de “A nosa xeración”, onde advertía que os galeguistas non debían amosarse demasiado ledos porque aínda había moito por conseguir no camiño da emancipación de Galicia e acababa cun satisfeito “Pero soupemos cumprir co noso deber”. E ata o alcalde de Vigo, o socialista Emilio Martínez Garrido, emitiu un bando pedindo o si polo ben da democracia, da República e de Galicia.

O resultado, coas dereitas retraídas e os partidos do si controlando todo, foi o que tiña que ser. Os datos do escrutinio oficial, realizado en Santiago o 5 de xullo, no xa histórico salón de actos da Facultade de Medicina, foron os seguintes:

______________________________

Censo de electores           1.343.135

————————————————-

Votantes                            1.000.963

————————————————-

Votos afirmativos                 993.351

————————————————-

Votos negativos                        6.161

————————————————-

En branco                                   1.451

————————————————-

Quórum necesario                 895.423

————————————————-

Exceso                                       97.927

_______________________________

As cifras, coma sempre, non reflectían a decisión da cidadanía senón a vontade política dos partidos que controlaban o proceso electoral, o que non deixaba de ser unha sorte de lexitimidade indirecta.

O Estatuto non tiña de momento existencia legal, por moi referendado que estivese. Aínda había de aprobalo o Congreso dos Deputados. Así que, para entregalo oficialmente ó seu presidente, marchou para Madrid o 15 de xullo unha nutrida comisión, encabezada polo presidente do extinto Comité Central de Autonomía, Ánxel Casal, e da que formaban parte, entre outros, Enrique Rajoy, os presidentes das deputacións, os alcaldes das capitais e varios deputados. A comisión foi recibida o día 17 por Azaña que, ó recoller o texto de mans de Castelao, dixo: “Espero y deseo que el Estatuto de Galicia sirva para consolidar la República y la democracia”.

Por desgraza, o que empezou a consolidarse ó día seguinte foi algo diferente. E o Estatuto galego habería de agardar a súa aprobación parlamentaria ata 1945, nunha sesión das Cortes republicanas no exilio mexicano na que ó cabo o teimudo empeño de Castelao prevaleceu sobre a resistencia de republicanos e socialistas.

A pesares de non seri discutido nin sometido a aprobación no Congreso dos Deputados, serviu, polo menos, para que na Constitución española de 1978 Galicia fose considerada como nacionalidade histórica.

Fonte:

Beramendi, Justo G. A Autonomía de Galicia. [Santiago de Compostela] : Museo do Pobo Galego ; [A Coruña] : Fundación Caixa Galicia, D.L. 2005

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 12,744 visitas