Bases de datos, Varios

A ‘información líquida’ no ‘común’ das Humanidades e as Ciencias Sociais: Open Humanities Press e aOpen.

The Digital Humanities

As Bibliotecas universitarias, e a súa comunidade, están inmersas nunha dinámica e un proceso que contempla distintos e variados frontes: usuarios, formación de coleccións, creación de coñecemento, edición, mercado, etc. Pero quizás a fronte de maior impacto hoxe en día sexa o marco no que as bibliotecas, como institucións sociais, están a moverse e que condiciona a súa actividade: o do ‘capitalismo cognitivo’, que, como o seu propio termo ou nome indica, supón a utilización das prácticas do mercado sobre os bens intanxibles do coñecemento, a materia prima das bibliotecas. As súas formas de traballo implican restricións á liberdade de información mediante a utilización de fortes endurecementos no relativo a propiedade intelectual. A boa amizade do capitalismo cognitivo e a propiedade intelectual fai que, neste caso, dende finais do século XX, academia e bibliotecas asuman o papel de ‘nodo de resistencia’ nunha cultura de información científica en rede, xogando ó seu favor, por unha banda, a creación ‘colaborativa’ de coñecemento «peer production»  por parte da comunidade científica, a modo de ciberpunks, e,  por outra, o carácter de ‘información líquida’ da mesma. As prácticas e resultados son múltiples e ‘adaptativos’, e, na creación e difusión de coñecemento, tradúcese isto, segundo as disciplinas científicas específicas, en distintos xeitos  de crear e comunicar. Se algo as aglutina nese ‘nodo de resistencia’ no contexto da información bit é o acceso ao coñecemento a través das prácticas do aberto e o común. Se para as ciencias, chamadas ‘duras’, prima a importancia dos datos e as publicacións periódicas, e isto queda plasmado en Open Data e Open Access, no caso das humanidades e as ciencias sociais, duramente excluídas no actual reparto de bens e visibilidade do seu coñecemento, poderíamos dicir que van ser a monografía e as humanidades dixitais  os seus instrumentos de acción e baluartes de resistencia. Os proxectos de edición aberta supoñen repensar a universidade e os seus modos de incidir no social. Trátase de radicalizar o libre acceso e a posibilidade de participación na creación e consumo de información, indo máis alá do concepto liberal de academia como fábrica de coñecemento. Imos presentar  dous bos exemplos como recursos altamente recomendables para o seu uso e reprodución. Trátase de  Open Humanities Press e  aOpen.

Open Humanities Press

A Open Humanites Press da cabida a unha produción de calidade científica baixo os criterios de peer-review e acceso aberto. A súa intención é unha intervención política a través das humanidades e os new media, repensando a distribución do coñecemento dende unha visión utópica e contestataria os modelos tradicionais de publicación nas universidades. Os seus principios e obxectivos están en relación á ciencia e á edición en aberto, tratando de alcanzar o acceso libre e perpetuo dos intanxibles, a diversidade (diversificación)  de información, posibilitando así a ruptura da dominación centro-periferia do actual sistema de comunicación científica no planeta, a transparencia, etc. Os seus promotores son conscientes de que ata  o de agora trátase dunha réplica e proxección do modo tradicional de impresión á información bit. Pero isto é só o principio. O paso seguinte para Open Humanities Press, vai ser o de traballar a modo de laboratorio na información líquida, e o pensamento colaborativo. Haberá que agardar aínda. Pensemos que no consello editor das OHP están auténticos pesos pesados, autoridades de referencia, en humanidades e ciencias sociais, como son, por citar só algúns:  Alain Badiou (École Normale Supérieure), Jean-Claude Guédon(University of Montreal), Donna Haraway (UC Santa Cruz, European Graduate School), Bruno Latour (Sciences-Po), Alan Liu (UC Santa Barbara), Antonio Negri (Université de Paris-VIII, St. Denis), Peter Suber (SPARC) ou John Willinsky (Public Knowledge Project). Alén das monografías, algúns dos seus títulos son básicos no campo da teoría cultural e os novos medias: Culture Machine (1999- ), Fast capitalism (2005-), Fiberculture (2003-), Parrhesia (2006) ou Vectors (2005-).

aOpen

A OaPEN é unha iniciativa, levada a cabo por un grupo de universidades e editoras académicas, dirixida a explorar as posibilidades de edición en acceso aberto no campo das humanidades e as ciencias sociais. Trátase dun proxecto específico da Comunidade Europea, vinculado a eContentplus, pero que, a través dos seus informes, recomendacións e boas prácticas, quere gañar para a súa causa á academia e a investigación, hoxe en día abocadas a traballar con novos modelos de comunicación científica, promovendo un uso expansivo do acceso aberto no eido destas disciplinas e institucións.

Directory of Open Access Books

Dende Abril do ano 2012, a través do Directory of Open Access Books, como escaparate e ferramenta de traballo (plataforma de visibilidade, biblioteca e almacenamento), está aberto a todas aquelas editoriais que desexen dar visibilidade ós seus fondos neste ámbito. A unión, neste caso como noutros, fai a forza. A invitación está no aire e o proceso en curso.

OHP e Oapen

Lourdes Pérez González

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 12,423 visitas