Biblioteca Concepción Arenal, Historia económica, Reserva

As nosas fontes. Almanak mercantil o Guía de comerciantes

This slideshow requires JavaScript.

O Almanak Mercantil o Guía de Comerciantes foi un anuario de información comercial, fiscal e económica publicado en Madrid entre 1795 e 1808, durante a prolongada e complexa crise económica que en España marcou o cambio de século XVIII ao XIX.

Trátase dunha interesante fonte para a historia económica da etapa final do Despotismo Ilustrado en España e América por tres motivos principais: o tipo e cantidade de datos que recolle, a amplitude da súa cobertura xeográfica, e a conexión que tivo desde a súa orixe co poder político (en especial coas correntes ilustradas que propugnaban cambios económicos sen transformacións estruturais) e coas necesidades informativas da burguesía mercantil do momento.

O Almanak foi unha empresa persoal de Diego María Gallard, avogado dos Reais Consellos, individuo da Secretaría da Superintendencia da Real Facenda, secretario da Balanza de Comercio de 1795 a 1799, director da Real Fábrica de Tecidos de Algodón de Avila, membro da Real Academia de Dereito Público de Santa Bárbara, membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Segovia e editor entre outros do “Correo Mercantil de España y sus Indias“.

Publicado regularmente a principios de cada ano con apoio do Estado, pretendía ser un instrumento útil para os negocios mercantís e as relacións comerciais de compravenda. Para encher de contido as súas páxinas contou Gallard con moi variadas fontes de información: oficinas estatais de Facenda, corpos e consulados de comercio, comerciantes e fabricantes, periódicos e probablemente cónsules españois no estranxeiro.

As seccións habituais do Almanak foron:

  • A Advertencia ao lector, que era unha introdución ao contido e obxectivos do anuario.
  • O Arancel General de Aduanas que, ocupando frecuentemente ata a metade do total de páxinas, ofrecía ao lector, por orde alfabética, os xéneros por cuxo comercio habían de abonarse dereitos de aduanas de acordo coas últimas disposicións vixentes.
  • Plazas de Comercio de España. Nesta sección, ao longo dos 14 volumes que chegaron a publicarse da Guía, apareceron noticias referidas a 38 cidades, vilas e lugares peninsulares, 2 prazas de comercio insulares e 11 prazas de comercio americanas.

Sen dúbida é esta última sección a máis interesante. Nela Gallard tratou de dar, para cada praza, os seguintes datos:

  • Principais entidades e oficinas relacionadas co comercio, explicando as súas atribucións e proporcionando a identidade dos seus membros
  • Nome, dirección e tipo de xéneros dos principais fabricantes e comerciantes
  • Nomes e direccións dos aseguradores, así como dos corredores de comercio
  • Dereitos debidos polas naves no caso de que houbese porto
  • Os pesos, medidas e moedas utilizadas e -se eran diferentes ás castelás- as equivalencias desas unidades coas de Castela
  • Os nomes de cónsules e vicecónsules estranxeiros residentes
  • Os días de entrada e saída de correos, etc.

A utilidade do Almanak como fonte para a historia económica queda fóra de toda dúbida pola cuantiosa, detallada e relativamente fiable información que proporciona. Os datos publicados sobre prazas en Galicia (A Coruña, Vigo, Ribadeo, Santiago, Redondela, etc.) son igualmente útiles para unha identificación pormenorizada da burguesía mercantil e dos representantes dos poderes públicos que operaban nos principais centros económicos do país.

Para saber mais:
Fernández Pérez, Paloma: “El Almanak Mercantil o Guía de Comerciantes (1795-1808) como fuente para la historia económica de España y América”. Historias, 22 (abr./sept. 1989) http://www.estudioshistoricos.inah.gob.mx/revistaHistorias/?p=1848 [Consultado o 16/07/2012]

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 12,744 visitas