Biblioteca Concepción Arenal, Noticias e novidades, Reserva, Xuristas

As nosas fontes. Boletín Judicial de Galicia, 1856-1866

This slideshow requires JavaScript.

Boletin judicial de Galicia. Año 1, n. 1, 1856

Véñense de incluir no catálogo da Biblioteca Universitaria uns trescentos rexistros bibliográficos correspondentes a artigos doutrinais, críticas a sentenzas xudiciais, análises de disposicións legais, discursos, homenaxes e traballos de distinta natureza publicados entre 1856 e 1866 no Boletín Judicial de Galicia. Foi esta unha publicación xurídica centrada na análise e divulgación de cuestións legais de interese práctico para os profesionais do dereito da época, especialmente para os relacionados co foro galego.

Fundada por Benito Pla y Cancela na Coruña en xullo de 1856, foi dirixida polo mesmo ata xuño de 1857. En outubro dese mesmo ano substitúeo no cargo o avogado coruñés Laureano Lago y Villar quen o exerceu ata decembro de 1859. En 1860 recae de novo a dirección en Pla y Cancela, que se mantén nese posto ata 1862. En 1863 faise cargo da revista Félix Álvarez Villaamil, quen con notable esforzo persoal (foi director e único redactor) mantena ata decembro 1865. Finalmente en 1866 é substituído por Alonso Rey quen desempeña o posto ata a desaparición da publicación.

Mantivo o Boletín ao longo de toda a súa existencia unha periodicidade aproximadamente semanal cunha notable regularidade, excepto no período comprendido ente marzo de 1858 e xaneiro de 1859 en que non se publicou.

A estrutura do seu contido mantívose tamén relativamente estable, aínda que no seu último período declinou o número de artigos e estudos doutrinais en favor dos contidos lexislativos e xurisprudenciais. O seu contido organizábase en:

  • Artigos doutrinais: Estudos teóricos, pero de marcado carácter práctico, sobre temas de interese para o exercicio da avogacía en Galicia. Especialmente reseñables son as series sobre a aplicación e interpretación das leis sobre procedemento civil e penal, da lei hipotecaria, das disposicións sobre rexistro da propiedade inmoble, da lexislación sobre sucesións e herdanzas, dos foros, etc.
  • Comentarios sobre casos prácticos: Análise de cuestións relativas á aplicación das normas legais polos tribunais de xustiza
  • Xurisprudencia: Xurisprudencia civil, criminal e administrativa do Tribunal Supremo
  • Sección lexislativa: Normas legais de diferente rango que se xulgan de especial relevancia.
  • Variedades: Sección miscelánea na que se inclúen crónicas sobre procesos de sona, documentos de interese, textos de proxectos de lei, fragmentos de debates parlamentarios e ata creacións literarias dalgún colaborador habitual do Boletín
  • Crónica: Noticias e novidades sobre a administración de xustiza, sobre o persoal ao servizo dos órganos xudiciais, das notarías e dos rexistros, sobre sucesos acaecidos nos tribunais, publicacións de interese, estatísticas xudiciais, etc.

Colaboraron co Boletín algúns dos xuristas galegos mais nomeados da época, entre os que cabe destacar (ademais dos xa citados como directores) a Eduardo Trillo Salelles, Manuel Rúa Figueroa, José María Castro Bolaño, Antonio Batenero Montenegro, Justo Pelayo Cuesta, Salustio Victor Alvarado, etc.

Enlaces:

Bibliografía:

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s