Varios

Sociedade, muller e leis no Estado español: a Revista General de Legislación y Jurisprudencia (RGLJ) como espello

Foto: Residencia de Señoritas / Archivo Instituto Internacional, Legado Eulalia Lapresta

Foto: Residencia de Señoritas / Archivo Instituto Internacional, Legado Eulalia Lapresta

Dunha análise exhaustiva dos traballos publicados da Revista General de Legislación y Jurisprudencia (RGLJ) compróbase a escasísima presencia, ou case mellor dito a ausencia nominal, da muller na autoría das súas páxinas, desde o inicio da súa publicación, en 1853, até finais da década dos 70 do século XX, época na que empeza a agromar tepedamente a súa presencia asinando traballos.

Se tomamos esta Revista como espello do papel que puido ter a muller no ámbito xurídico durante ese longo século, e por tanto tamén o seu protagonismo social e político, chegariamos á conclusión de que posibelmente fose case nulo. Mais, aínda que non poida extrapolarse deste xeito ao ámbito social e político (tendo en conta ademais que seguramente hai algún traballo feminino oculto detrás de toda esa letra impresa), si que poderiamos albiscar certo paralelismo vendo a gaiola xurídico-política artellada nese longo período, obrigando ás mulleres a actuar nos seus lindeiros ou mesmo fóra dela na procura de espazos, xa non só de reivindicación senón de expresión. Paralelismo que tamén o poderiamos observar se mirásemos ao contexto xeral, tanto estatal como global, no que se movía a muller cando pretendía actuar politica ou socialmente.

É interesante retrotraerse ao alumeamento que xeraba a Ilustraciòn -que ao final daba soporte intelectual para o asalto ao Antigo Réxime e posibilitaba a libre navegación dunha nova clase social- para decatarse que as súas luces, das que emanaban a racionalidade, a liberdade e a igualdade, aínda non eran o luminosas que parecían, e así o evidenciaban a finais do século XVIII tanto Mary Wollstonecraft (quen disputaba un interesante contencioso con Rousseau en A Vindication of Rights of Woman) como Olympe de Gouges (desde unha perspectiva máis xurídico-política: Déclaration des Droits de la Femme et de la Citoyenne contrapoñéndoa á declaración fundamental da Revolución Francesa de 1879). Mais si que era evidente que ao final a Ilustraciòn, nas suas contradicións, facía xermolar iniciativas e posicións como estas que logo serían refenciais no movemento pola conquista da igualdade de dereitos, tanto legais como reais, da muller.

No caso do Estado español, e tendo en conta que as “luces” tardan en servir de catalizador para desaloxar o absolutismo, teriamos que esperar case até finais do século XIX e primeiros do XX para que empezaran a visualizarse, non xa movementos ao estilo de convencións e declaracións como as de Seneca Falls de 1848 nos EUA, senón plumas que de forma individualizada actuasen en defensa dos dereitos da muller. Daí a relevancia (sen entrar a falar de precedentes como o de María de Zayas no XVII ou o mesmo Padre Feijoo no XVIII) na segunda metade do XIX de mulleres como Sofía Tartilán, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Teresa Claramunt, Ángeles López de Ayala, Amàlia Domingo, Dolors Monserdà (desde unha perspectiva catalana), Rosalía de Castro (desde unha perspectiva galega) e outras, e mesmo outros, que actuaron dalgún xeito como precursoras de posteriores reivindicacións que logo irían tomando máis corpo social.

Neste sentido compre lembrar que o ambiente científico, intelectual e filosófico que predominaba a finais do XIX, e que se absorbía a modo de esponxa, procedente das correntes tanto filosóficas como científicas que trunfaban no exterior, contribuía á subalternidade feminina (exceptuando ao marxismo, sobre todo no caso de Engels e August Bebel, e a algunhas individualidades como Stuart Mill, desde unha óptica liberal, case todas as demais correntes de pensamento filosófico e científico enfatizaban esa subalternidade: caso de Proudhon, Schopenhauer, que influiría notabelmente en Azorín, Nietzsche, Herbert Spencer, Otto Weininger, F. J. Gall, P. J. Moebius, etc., etc.); que o acceso oficial, e sen permiso previo especial, da muller á universidade non é realidade até 1910; que as primeiras mulleres que acceden a unha cámara de representación parlamentaria, obviando a Asamblea Nacional Consultiva de 1927 de Primo de Rivera, non o fan até o ano 1931 (por medio do sufraxio universal pasivo) coas Cortes Constituíntes da Segunda República (Margarita Nelken, Victoria Kent e Clara Campoamor, sendo esta última a única que defende a aplicación inmediata do sufraxio universal, ao contrario que as duas primeiras e algúns sectores progresistas por cuestions tácticas e de opurtunidade); e tamén que non é até a Constitución Republicana de 1931 cando se consagra o sufraxio universal e a igualdade xurídica entre home e muller. Conquistas que serían arrancadas socialmente ao abeiro dos movementos de cambio que empezaban a ferver e validadas xuridicamente na Constitución republicana así como no seu desenvolvemento posterior, mais axiña truncadas de raiz co trunfo do golpe de estado do 36 e a súa posterior longa noite de pedra.

Deste xeito vemos como, tras ese paréntese republicano, non sería outra vez até finais dos 70 do século pasado cando á muller lle empeza a ser posíbel de novo reivindicar a equiparación de dereitos (a modo de exemplo, e no ámbito do dereito, até 1967 a muller non pode acceder á xudicatura, e non empeza a chegar aos niveis máis altos do mundo académico até finais dos 70 e principios dos 80. Así mesmo, e aínda que en 1958 prodúcense algunhas modificacións, haberá que esperar a 1975 para ver reformas de certa importancia no Código civil desde unha perspectiva de xénero).

En todo ese extenso período, que a nivel global coincide coa etapa que poderiamos chamar do capitalismo clásico e remata no inicio do que Fredric Jameson denominou capitalismo tardío, observamos como nos sobrarían os dedos dunha man para contabilizar ao conxunto de sinaturas femininas de toda esa etapa da RGLJ, evidenciando tamén a súa intervención naqueles momentos nos que o sistema ten algunha fenda ou admite unha maior permeabilidade social (Sexenio Revolucionario, algúns momentos da Restauración borbónica, 2ª República e finais do franquismo).

Así, a primeira muller que colabora nominal ou visibelmente na RGLJ é Concepción Arenal, precursora en moitos eidos, pero especialmente no penal e no feminista dentro do Estado español, entendido este nun sentido máis ben humanitario e social antes que ideolóxico, político e reivindicativo, cunha compoñente pedagóxica (de influencia posibelmente krausista) e relixioso-caritativa e bastante alonxado do que xa propoñían case un século antes tanto Mary Wollstonecraft como Olympe de Gouges. Aínda asi foi transgresora e adiantada ao seu tempo, e mesmo aceptada na “Academia” pola súa valía intelectual e aportes ao campo penalista (mostra disto son o recoñecemento en 1861 por parte da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas con motivo do seu ensaio La Beneficencia, la Filantropía y la Caridad ou os comentarios da propia redacción da RGLJ con ocasión dunha recensión bibliográfica da 2ª edición, de 1877, da súa publicación Estudios penitenciarios onde se comenta o seguinte: En Estudios penitenciarios, examina la distinguida escritora los más difíciles temas que en la ciencia de la penalidad se plantean, como la prision preventiva, el carácter del penado, y de la pena y la crítica de los sistemas de prisiones, y si su modestia pudiera hacer suponer que se habia limitado á pobres y sencillas indicaciones, como en el prólogo del libro declara, bien pronto su lectura desvanece semejante idea, trocándola en la lisonjera realidad de que hay ya por fortuna en España quien profundice con acierto las serias y graves cuestiones del régimen penal moderno…”)

Con motivo da reforma da lexislación sobre prisións que se preparaba a principios do Sexenio Revolucionario, Concepción Arenal publica dous traballos no tomo 35 (1869) da RGLJ : Sobre la reforma de los establecimientos penitenciarios e Exámen de las bases aprobadas por las Cortes para la reforma de las prisiones. No tomo 52 (1878) a redacción da RGLJ fai unha recensión bibliográfica da publicación antes mencionada, Estudios penitenciarios, e doutra obra sua: La cárcel llamada modelo. No 1879 (tomos 54 e 55) asina un extenso traballo que leva por título El derecho de gracia ante la justicia. Logo, en 1890 (tomo 77), publícanlle na Revista o seu Informe que enviara ao Congreso penitenciario internacional de San Petersburgo.

No último tercio do XIX só unha muller, Concepción Arenal, concentrará en catro ocasións o único e primeiro protagonismo feminino que aparece visíbel na RGLJ. Posteriormente teriamos que esperar case cuarenta anos, até 1929 (tomo 154) en que María Palancar asina un artigo titulado Fuentes del Derecho vigente Español. En 1935 (tomo 167) aparece o 2º traballo feminino do século XX asinado por Inés Abramson Navarra e Ramona Lillo Driz baixo o título El conficto chino-japonés y la creación de Mandchukuo (un extenso e documentado traballo sobre o contencioso entre China e Xapón na rexión de Manchuria). E de novo acompañando á negrura da Dictadura, despois do 36, hai un lapso de case outros corenta anos nos que a muller desaparece, até que en 1972 (tomo 65, nº 5, 2ª época) Teresa Puente Muñoz asina o primeiro traballo do tardofranquismo. A continuación Georgina Batlle Sales publica no 1975, María Castillo Dandi no 1976 e progresivamente cara finais dos 70 e principios dos 80 iría sendo xa máis habitual a colaboración da muller na Revista.

Observamos, logo, guiándonos exclusivamente e tendo como referencia a Revista General de Legislación e Jurisprudencia, como no Estado español a responsabilidade da muller na produción científica no ámbito xurídico (posibelmente noutras áreas da ciencia sexa un pouco diferente), é practicamente irrelevante até a década dos 80 do século XX. Neste sentido sería interesante contrastar estes resultados noutras publicacións xurídicas que abarcasen un espazo temporal equivalente (algo que posibelmente teñamos ocasión de facer máis adiante), aínda que intuíndo que moi probabelmente chegásemos a conclusións moi semellantes.

Antón R.

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 12,423 visitas