Biblioteca Concepción Arenal, Dereito civil, Historia do dereito, Noticias e novidades

50 anos da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia


O 2 de
BANNER CON LOGOS-01 decembro de 2013 cúmprense 50 anos da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia, un fito singular no devir histórico do dereito privado galego. A publicación desta Compilación supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que ata entón só se puido manifestar a través do costume. A súa existencia no momento de entrada en vigor da Constitución de 1978 significou que Galicia quedaba enmarcada entre as comunidades autónomas ás que a lei fundamental outorgaba competencias lexislativas en materia de conservación, modificación e desenvolvemento do seu Dereito propio.

Depositaria do principal legado bibliográfico e documental sobre o Dereito aplicado en Galicia ao longo da súa historia, a Universidade de Santiago foi e segue a ser o máis importante referente para calquera estudoso do Dereito galego. Foi tamén a sede onde impartiron o seu maxisterio e desenvolveron o seu labor investigador os máis destacados xuristas galegos ou investigadores sobre o Dereito galego, entre outros, algúns daqueles que fixeron posible a elaboración e posterior publicación da Compilación, como foi o caso do Profesor Fuenmayor, á sazón, Catedrático de Dereito civil na nosa Universidade; hai ademáis constancia de que a Reitoría da Universidade de Santiago foi sede dunha reunión de xuristas da rexión, celebrada o 10 de novembro de 1962, precedente inmediato do Proxecto de Lei que se elevou ás Cortes e concluiu coa publicación da Compilación en decembro de 1963 . En datas moito máis recentes tamén pasaron polas súas aulas e despachos gran parte dos cultivadores do Dereito privado de Galicia, algúns xa falecidos, como o Profesor Lete del Río, outros que seguiron a súa carreira académica noutras universidades galegas, como os Profesores Lorenzo Merino ou Bello Janeiro, e outros en fin, como os Profesores Rebolledo Varela, Nieto Alonso ou García Rubio, que seguen a día de hoxe empeñados en facer da nosa Universidade un referente imprescindible para a cultura xurídica galega.

A presentación este mércores 10 de abril do programa de actividades, polo reitor Juan Casares e pola catedrática de Dereito Civil María Paz García Rubio, serviu para poñer de relevo o valor da Compilación galega, cuxa importancia “nunca suficiente resaltada e valorada na nosa contorna, ben merece unha gran celebración institucional coma xa tiveron outras como a catalá”.

O programa de actividades deseñado pola USC a través da Biblioteca Concepción Arenal, principal depositaria dos fondos bibliográficos sobre a Compilación, sobre os seus antecedentes e os seus consecuentes, e do grupo de investigación De Conflictu Legum terá como acto central unha exposición bibliográfica itinerante no último trimestre do ano para amosar todos os textos xurídicos e etnográficos máis importantes relacionados coa Compilación e coa estrutura social da época que pretendía regular, así como outro tipo de documentos gráficos.

Xunto esta iniciativa están previstos unha serie de actos a celebrar ao longo do ano e que comezan este mesmo venres coa presentación oficial no Consello da Cultura Galega, ademáis haberá un curso de verán en Lugo e unhas xornadas con xuíces e maxistrados de toda Galicia para reflexionar sobre a aplicación do dereito civil galego e a súa incidencia práctica.

A Compilación galega foi a cuarta de todo o estado tras as de Álava e Biscaia (1959), Cataluña (1960) e Baleares (1961), e ás que se sumaron as de Aragón (1967) e o chamado Foro Nuevo de Navarra (1973). Estas compilacións naceron como resultado das conclusións do Congreso Nacional de Dereito Civil celebrado en 1946 que formulaban a necesidade de compilar as institucións civís e forais dos territorios que dende 1880 foran recoñecidos como tales, entre os que atopaba Galicia.

A Compilación de 1963 permitiu que Galicia conte hoxe con capacidade lexislativa en materia de Dereito Civil de entidade suficiente como para facer fronte dende o seu propio Dereito á realidade diaria dos seus cidadáns en materia de tanta transcendencia como a familia, as sucesións, os dereitos reais ou a persoa.

Esta realidade incontestable obríganos a non deixar que pase desapercibida a conmemoración do aniversario dun texto, modesto na súa orixe, pero que constitúe o xérmolo e a principal razón de ser de que a día de hoxe Galicia e o seu Parlamento teñan, a diferenza doutras moitas Comunidades Autónomas das que configuran o Estado español, e ao igual que outras como Cataluña, Aragón, Navarra, País Vasco ou Baleares, competencias en materia de Dereito civil.

Por todo isto, a USC quere pór todo o seu empeño en que esta efeméride sexa conmemorada como merece, a fin de subliñar a importancia deste texto e as súas consecuencias para a cidadanía galega, pois o Dereito civil é precisamente iso, o dereito dos cidadáns, sen máis aditamentos.

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 12,423 visitas