Historia do dereito, Reserva, Xuristas

Bernardo Herbella de Puga, 1735-1807

Herbella2No século XVII iníciase a moda de editar obras destinadas á práctica xurídica, instruíndo aos licenciados en Dereito que pretendían exercer a avogacía nas peculiaridades xurídicas propias do país. A pervivencia dun ensino excesivamente teórico, monopolizado polo Dereito romano, favoreceu este tipo de publicacións que simplemente pretendían introducir nas sutilezas forenses aos aspirantes ao exercicio profesional. O pragmatismo desta literatura, escrita en castelán para lograr unha maior difusión, denota unha crecente vulgarización coa conseguinte caída do nivel técnico e estilístico.

Hai, pois, un evidente divorcio entre a teoría universitaria e a práctica forense. Os catedráticos, na súa gran maioría, agárranse obstinadamente ao pasado e néganse a adoptar calquera tipo de reformas, proba disto é a defensa a ultranza de que as leccións se dean en latín, omnipresente na vida universitaria: leccións, concesión de graos, textos… A desvantaxe de tal tipo de ensino, sen ningunha conexión coa praxe, deixouse sentir sobre todo nos tribunais polos medios da xudicatura e os avogados que foron os destinatarios das obras destinadas á aplicación do Dereito. Esta concepción da aprendizaxe xurídica foi a que moveu a Herbella de Puga a escribir o seu Derecho Práctico i Estilos de la Real Audiencia de Galicia.

Bernardo Herbella de Puga (Manzaneda de Trives, 1735-Betanzos, 1807),escritor e xurista, foi un constante ascenso en cargos e prestixio profesional e un modelo dos practicantes do Dereito en Galicia. foi avogado do Ilustre colexio de A Coruña, capitán de artillería no exército organizado contra os franceses, fiscal de Penas de Cámara e relator da Real Audiencia de Galicia.

Derecho Práctico y Estilos de la Real Audiencia de Galicia

Neste libro, Herbella trata, con concisión, de poñer en coñecementoHerbella1 dos avogados e xente do foro, en xeral, os estilos da Audiencia coruñesa enraizados en prácticas, usos e costumes seculares, que é necesario coñecer para acomodar as súas actuacións ás peculiaridades de Galicia. Comprende dezaseis capítulos, destacando as prácticas específicas da Real Audiencia do recurso do Real Auto Ordinario, Carta Real ou Decreto Galego, usado desde tempo inmemorial na Merindade, Alcaldía Maior do Adiantamento do Reino de Galicia; a equidade Graciosa, que concedía recobración dos bens vendidos en poxa pública dentro dos trinta anos; o despacho de Ordinarias de Gobierno, con salvagardas e cartas de seguro; a retención de Bulas… con todo as auténticas “peculiaridades” xurídicas son o Auto Galego e a Graciosa.

Ao dereito práctico, por conter unha exposición completa do Dereito procesual usado en Galicia ata mediados do século XIX, cabe o mérito de terlles proporcionado aos letrados do seu tempo as canles para a subsanación dos distintos procesos civís, a diferencia da meirande parte das obras preexistentes que reflicten prácticas procesais penais.

Esta obra mandouse recoller por Real Orde en 1804, e fíxose dela unha segunda edición anotada en 1844. Ramón Tojo Pérez di deste libro que «debe estimarse de extremado mérito como exposición del derecho procesal usado en Galicia hasta el primer tercio del siglo pasado [XIX] desde la fundación de su Audiencia; y en cuanto al derecho civil vigente antes del Código civil, acrece grandemente su valía… ».

O «escándalo» do crime de Valladares

Así definía o fiscal José Antonio Giraldo, en 1766, o impacto do crime que conmocionou á sociedade galega da época con todos os ingredientes da novela negra: «Un crimen, cuyo ruidoso estrépito resonó, no solo en los continentes de este Reino, i bastos dominios de nuestra España, quanto por los demás limites de nuestra Europa». En xullo de 1757 desaparece don Benito Alonso Enríquez y Sarmiento, de 57 anos, que cedera ao seu primoxénito Xavier, de 23 anos, os seus títulos de marqués de Valladares e vizconde de Meira. Don Benito saira de madrugada da súa casona de Chantada para encontrarse coa muller do boticario de Melide, Josefa Vaamonde, a Boticaria. E ahí perdeuse, ata que un ano despois, tras una intensa busca, inspecciónase por segunda vez a casa do desaparecido e atópase, nunha cámara oculta, o cadáver. Son apresados, entre outros, a muller da vítima, Isabel Sanjurjo, os seus fillos Xavier e Gaspar e o matrimonio de caseiros de don Benito.

Nunha mezcla de móbiles pasionais e, sobre todo, económicos, todos eles son acusados de participaren no parricidio. Preso no castelo de Santo Antón, na Coruña, Gaspar négase a comer e morre no cárcere. E coa saúde moi feble pola insalubridade da cela e o longo tempo de encerro naquel húmido illote, a súa nai falece en 1762. Mentres os caseiros son condenados a cuestión de tormento para que confesen o seu crime, o marqués de Valladares encarga ao avogado galego máis prestixioso da época, Bernardo Herbella de Puga, o voluminoso Memorial ajustado de la Causa pendiente en la Sala de Crimen de la Real Audiencia del Reino de Galicia sobre la violenta muerte de Don Benito Alonso Enríquez… i que siguen los Fiscales de su Maestad [sic] contra D. Xavier Enríquez, Marqués de Valladares, que se pode consultar na súa edición dixitalizada. Como se ve nesta edición, a escandalosa causa aportou á literatura xurídica galega outros tres textos xurídicos: un máis en favor dos Valladares, outro en defensa dos caseiros de don Benito e o tomo acusatorio do fiscal. Descoñécese a sorte final dos caseiros, que foron condenados como autores do crime, pero non a de Xavier Enríquez, que seguiu disfrutando dos seus dereitos xurisdiccionais e morgados ata a súa morte, en 1842.

Bernardo de Herbella compuxo ademáis unha obra de historia que quedou manuscrita: Genealogía analítica de los antiguos régulos de Galicia, de las personas grandes y nobleza de España, sus ilustres casas, señoríos, famosas acciones y timbres; en que se comprende la historia del Apóstol Santiago y demuestran varios monumentos e inscripciones antiguas. O autor quixo imprimila e para elo solicitou a perceptiva licenza, pero a Academia da Historia, onde se conserva o orixinal, informou en abril de 1769 que «por las deformidades y anacronismos que se advertían en ella, no era digna de imprimirse y que el original debía recogerse por decoro de la nación». Duro xuizo, anque non falto de fundamento.

Obras:

Bibliografía:

  • Couceiro Freijomil. Hervella de Puga, Bernardo. Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela : Bibliófilos Gallegos, 1951-1953. Vol. 2 ; p. 222-223.
  • Rodríguez Ennes, Luis. A época da monarquía absoluta. Dereito I / [coordinación,José Antonio García Caridad]. — A Coruña : Hércules de Ediciones, D.L. 2006. — p. 98-143
  • Taboada Roca, Manuel, 1904-2007. El procesalista Herbella de Puga : vida y obra de este gran jurisconsulto. Foro gallego. — N. 83 (1952) ; p. 455-490.
  • Tojo Pérez, Ramón, 1860-1944. El libro de Herbella. Boletín de la Real Academia Gallega.– T. 20, n. 235-240 (1931) ; p. 365-381.
Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s