Dereito administrativo, Lexislación, Noticias Xurídicas, Varios

LEI 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia

alumnos_universitarios_uscNo DOG núm. 125 de hoxe, 3 de xullo de 2013, páx. 26068, publícase a LEI 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Transcorridos máis de vinte anos desde a entrada en vigor da Lei 11/1989, de ordenación do sistema universitario de Galicia, estimouse conveniente e necesario abordar unha actualización e simplificación do conxunto normativo que regula o ensino universitario de Galicia, actualización que debe cumprir o obxectivo de pular polo ensino público universitario e a investigación que se realiza nas universidades, defender os sinais de identidade de Galicia, nomeadamente a lingua, e apostar polo enraizamento do SUG na sociedade galega, contribuíndo á formación da cidadanía e achegando coñecemento á sociedade.

A lei componse dun título preliminar e sete títulos, desenvolvidos en cento quince artigos, ademais de oito disposicións adicionais, nove disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras.

No denominado «Título preliminar» establécese o obxecto da lei e o seu ámbito de aplicación, así como os obxectivos e fins propios do SUG, que nel se definen.

O título I, «Da ordenación do Sistema universitario de Galicia», define e potencia os principios aos que responden a actividade e a organización universitarias, reflicte as estruturas que poderán integrar as universidades e fixa os criterios para a creación e a implantación de novas titulacións e centros, tendo en conta principios de descentralización e equilibrio territorial.

O título II, denominado «Da coordinación e da colaboración», establece os mecanismos de fortalecemento destas. Logo de residenciar a competencia de coordinación na Xunta de Galicia, continúa coa regulación das funcións, da composición e do funcionamento do Consello Galego de Universidades, órgano fundamental para o seu exercicio.

O título III, coa denominación «Da garantía da calidade universitaria», contén a regulación do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de modo que o exercicio das súas actividades se realice coas garantías axeitadas de independencia e profesionalidade que caracterizan as principais axencias de avaliación europeas.

O título IV, baixo a denominación «Dos consellos sociais das universidades públicas», incorpora e revisa contidos da Lei 1/2003.

Co innovador título V, «Da comunidade universitaria», establécese e concrétase un amplo catálogo de liberdades, dereitos e deberes do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e mais do estudantado.

O título VI, baixo a rúbrica «Da actividade universitaria: a docencia, a investigación e a transferencia de coñecementos», está dedicado á regulación dalgúns aspectos de planificación, fomento e calidade respecto das tres misións que, xunto coa actividade de estudo que as precede e sustenta, constitúen o fundamento da institución universitaria.

O articulado da lei péchase cun título VII, que, coa denominación «Do financiamento das universidades do Sistema universitario de Galicia», establece un marco para a necesaria planificación económica e financeira das universidades galegas, fixando os principios que rexerán o principal instrumento para este, que non é outro que o plan de financiamento.

Nas oito disposicións adicionais, ademais de recoller a actual estrutura xeográfica do SUG nos sete campus universitarios existentes, incídese na obrigatoriedade de publicidade das normas internas das universidades, en prol do principio de transparencia. Ademais, recóllese a figura dos titores clínicos, garantes dunha axeitada formación práctica destinada ao alumnado das titulacións da rama de Ciencias da Saúde, que se encadran no eido da necesaria colaboración entre universidades e institucións sanitarias.

O réxime transitorio recolle un total de nove disposicións, que abranguen desde a adaptación da normativa propia de funcionamento do Consello Galego de Universidades ou os estatutos das universidades públicas, en canto son afectados polas disposicións contidas na lei, ata a necesaria adaptación dos convenios de adscrición de centros ás universidades.

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s