Dereito mercantil, Facultade de Dereito, Profesorado, Varios

A derradeira lección do profesor Gómez Segade

Gómez Segade

Retrato ubicado no Decanato da Fac. de Dereito, obra de Quintana Martelo

O profesor Xosé A. Gómez Segade xubílase da docencia universitaria. Mañá, día 27 do mes que andamos, ás doce da mañá, entrará no salón artesonado de Fonseca para impartir a súa derradeira lección como catedrático da Facultade de Dereito. Ese día terá moita máis audiencia, porque amais dos alumnos acudirán outros discípulos que desde 1981 tiveron a sorte de formárense na súa cátedra de Dereito Mercantil. Mais esta non será a derradeira lección do mestre, porque seguirá exercendo o seu maxisterio nesta Universidade e fóra das nosas aulas, onde ten acadado notable prestixio internacional.

O seu legado

Nado en Monterrei, Ourense, o 20 de agosto de 1943, é Licenciado e Doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, en ambos casos con Premio Extraordinario.

Profesor Agregado en San Sebastián (1974), e posteriormente Catedrático de Dereito Mercantil en Valencia (1976) e desde 1981 en Santiago de Compostela. De 1994 a 2004 Adjunct Professor no Master de PI no Franklin Pierce Law Center en Concord, N. H. USA. Ampliou estudos no MaxPlanck-Institut für Immaterialgüter- und Wettbewerbsrecht (Alemaña), e desde 1976 desenvolveu unha intensa actividade académica e de investigación, en particular en España, Portugal, Alemaña e os EE.UU.

Froito dese traballo son, entre outros, varios libros, máis de 130 artigos en revistas, quince teses de doutoramento dirixidas, participacións en cursos ou congresos… contando a Biblioteca da Universidade de Santiago cunha ampla representación da súa produción científica: a búsqueda no catálogo da Universidade devólvenos 260 traballos da súa autoría. Merece salientarse a codirección das Actas de derecho Industrial (ADI), logo Actas de derecho industrial y derecho de autordesde finais dos 80 ata 2010, revista de referencia no ámbito da propiedade industrial e intelectual.

Cargos académicos e de responsabilidade en España e no estranxeiro, por exemplo, Decano da Facultade de Dereito de Santiago, Vicerreitor das Universidades de Valencia e Santiago de Compostela, ou Membro do Conselho Científico da Escola de Direito da Universidade do Minho en Braga (Portugal).

Pola súa especial vinculación co ámbito de traballo do IDIUS, Instituto Universitario propio da USC adicado á investigación da competencia económica, a propiedade industrial e a propiedade intelectual, foi Director deste Instituto de 1998 a 2006, continuando o labor iniciado por outro insigne catedrático, don Carlos Fernández-Nóvoa. 

En grande medida, a a biblioteca do Instituto de Dereito Industrial da USC, ubicada na Biblioteca Concepción Arenal, é froito do empeño do profesor Gómez Segade de fornecer ao Instituto cunha biblioteca especializada en materia de Propiedade Industrial, Propiedade Intelectual e Dereito da Competencia, contando na actualidade con máis de 8.500 volumes e numerosas publicacións periódicas; hoxe en día é un fondo de referencia español e internacional, como o demostran as frecuentes consultas de profesores e investigadores con estancia na nosa Universidade. Afortunadamente, a súa semente prendeu no seu equipo pois seguen a ter a dotación económica da biblioteca coma unha das súas prioridades.

Membro do Consello Asesor de Investigación da Oficina Europea de Patentes-OEP (1988-2008), ou Membro do Comité Científico de denominacións de orixe da UE (2000-2008). Actualmente, desde 2009, é Membro da Academia Europea de Patentes da OEP, do Comité Executivo da International Association for Teaching and Research in Intellectual Property (ATRIP), e Vicepresidente do Xurado da Publicidade en Madrid. Árbitro en diversos asuntos con implicacións de Propiedade Industrial desenvolvidos na Cámara de Comercio Internacional en París.

Diversos premios e distincións no ámbito académico e científico, entre os que cabe destacar, o Premio Galicia de Investigación “Montero Ríos” concedido polo Goberno Galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.

Recentemente foi homenaxeado pola Irmandade Xurídica Galega, da que foi cofundador. Na sesión ateigada de xuristas, os máis deles ex-alumnos seus, o profesor Anxo Tato fixo unha acendida e xusta louvanza do profesor Segade. Lembrou que xa na década dos anos sesenta, cando a informática estaba ben lonxe do coñecemento popular, el escribira un artigo sobre a protección xurídica do software. Ou salientar que o seu paso por instancias internacionais xurídicas nas que desempeñou cargos relevantes o teñen convertido nun referente do Dereito a escala internacional.

O seu compromiso, amósase tamén na pertenza a entidades que velan pola cultura galega, como por exemplo ser membro fundador do Museo do Pobo Galego, do que é Patrón Numerario.

Pola autenticidade do seu exemplo, proximidade e bondade é respectado, admirado e querido por todos os alumnos que pasaron polas súas aulas. Nun medio tan hostil para a lingua galega como foi a Facultade de Dereito, o profesor Gómez Segade non renunciou á súa fala e impartíu as súas clases maxistrais en lingua galega. Esta práctica nunca supuxo para o profesor ningún problema na comunicación cos seus alumnos. Prestixiou a nosa lingua e demostrou sobradamente que o noso idioma é apto para ensinar Dereito.

Dende a Biblioteca Concepción Arenal queremos dar os nosos parabéns a un auténtico mestre do Dereito.

Fontes:

Galeguizar Galicia. Artigo de Xosé González Martínez, Presidente do Foro E. Peinador e Secretario da Irmandade Xurídica Galega.

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s