Dereito civil, Noticias e novidades, Profesorado, Xuristas

Luis Díez-Picazo, honoris causa pola USC

Picazo1A Universidade de Santiago de Compostela investirá este venres 25 doutor honoris causa ao xurista Luis Díez-Picazo y Ponce de León no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e como madriña intervirá a catedrática de Dereito Civil da nosa Universidade, María Paz García Rubio.

Considerado “un dos máximos e insignes xuristas do século XX e do que vai do XXI”, na concesión deste recoñecemento académico destaca a vinculación coa Universidade de Santiago, da que foi catedrático de Dereito Civil no curso 1963/1964, así como por determinados trazos da súa personalidade, xa que como investigador no campo do Dereito Civil está considerado como o autor da posta ao día do Dereito Civil en España.

Nacido en Burgos no ano 1931 e Licenciado en Dereito pola Universidade de Madrid en 1953, foi profesor axudante desta Universidade entre os anos 1953-1963, ano no que  foi nomeado catedrático de Universidade de Dereito Civil, por Orde do Ministerio do 6 de maio, trala oposición na que obtivo o número un por unanimidade. Este mesmo ano, é dicir, hai xustamente cinco décadas, ingresou no seu posto de Catedrático de Dereito Civil na Universidade de Santiago de Compostela, en xuño de 1963, onde permaneceu apenas un curso académico. Posteriormente trasladouse á Universidade de Valencia na que exerceu como Catedrático de Dereito civil ata 1972. Desde este ano e ata 1980 e de 1989 en adiante e ata a súa xubilación foi Catedrático de Dereito civil da Universidade Autónoma de Madrid, na que tamén foi nomeado Catedrático Emérito.

As súas obras, e de xeito especial os Fundamentos de Derecho Civil Patrimonial, constitúen en opinión dos expertos a obra cimeira da civilística española dos últimos cincuenta anos e propiciaron a creación na doutrina e xurisprudencia española dun Dereito Civil moderno e equiparable aos dos mellores autores coetáneos europeos.

Destaca igualmente a súa preocupación práctica, con estudos do máximo nivel sobre a xurisprudencia, así como a súa permanente modernidade abordando os temas máis actuais e controvertidos, entre eles a súa preocupación polo Dereito europeo de contratos ou a modernización da lexislación española en materia de obrigas e contratos, entre outros.

Desde o punto de vista investigador foi un autor prolífico e moi influinte na ciencia xurídica. Publicou numerosos libros e mais de cen artigos en revistas, interveu en numerosos congresos nacionais e internacionais e ten pronunciado numerosas conferencias sobre materias da súa especialidade. A Biblioteca da Universidade de Santiago conta cunha ampla representación da súa produción científica: a búsqueda no catálogo da Universidade devólvenos máis de 120 traballos da súa autoría.

Aprobou as oposicións de ingreso na carreira xudicial. Foi e é avogado dos Ilustres Colexios de Madrid, Barcelona e Burgos e árbitro da Corte de Arbitraxe da Cámara de Comercio e Industria de Madrid e, da Corte de Arbitraxe da Cámara de Comercio Internacional de París. Maxistrado do Tribunal Constitucional (1980 a 1989). D. Luis foi membro do Consello Xeral do Banco de España (1991-1994). En 1983 foi elixido Académico de número da  Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación, ocupando a medalla nº 9. Foi Secretario Xeral de dita Corporación (1991-1995) e desde 2012 é o Presidente da Real Academia. Desde 2005 é Conselleiro de Estado.

Presidente da Sección Primeira de Dereito Civil, da Comisión Xeral de Codificación (Ministerio de Xustiza). Traballou en todas as reformas do Código Civil, entre as que se contan, as reformas do Dereito de Familia aprobadas polas leis de 13 de maio e de 7 de xullo de 1981 polas que se estableceu a igualdade dos cónxuxes, a igualdade dos fillos ante a lei ou o divorcio; foi tamén responsable da Lei de reforma da tutela (1983), nacionalidade (leis de 1982 e1990), adopción (Lei 11 de novembro de 1987), testamentos (lei 30/1991), protección xurídica do menor (LO 1/1996, de 15 de xaneiro), todas elas fundamentais no proceso de modernización do Dereito civil español.

Cando arribou a Santiago; fíxoo ademais en compaña doutro insigne civilista, D. Antonio Gullón Ballesteros, con quen desde aquela lle une unha das relacións de amizade mais sólidas e produtivas que deu a Universidade española: ambos, en coautoría, protagonizaron nas seguintes décadas a aventura de escribir o Manual que formou a xeracións de xuristas de todas as Universidades españolas e que segue sendo o referente primeiro da manualística da disciplina: o Sistema de Derecho Civil, cos seus pandectísticos catro tomos, anque agora se dividan en boloñeses volumes:Picazo. Sistema

Díez-Picazo destaca tamén pola súa condición de humanista. Tradutor dalgunha das obras mais sinaladas da literatura xurídica europea, destacando especialmente, polo seu alto significado intelectual e persoal, a súa tradución ao castelán de Topik und Jurisprudenz de Theodor Viehweg, obra prologada por outro insigne xurista e honoris causa da USC desaparecido recentemente, D. Eduardo García de Enterría. É un grande afecionado á historia e a literatura, especialmente a do século XIX, e un profundo coñecedor de Benito Pérez Galdós.

 

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s