Biblioteca Concepción Arenal, Noticias e novidades, Socioloxía

@ nas marxes. A Galaxia Gutenberg : a creación do home tipográfico


Para este mes de outubro, o noso club de lectura @nas marxes, ten preparada unha obra especial, peza clave no estudos dos media : A Galaxia Gutenberg : a creación do home tipográfico / Marshall McLuhan ; prólogo, Darío Villanueva ; tradución, Manuel Outeiriño. — Santiago de Compostela : Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico ; [Madrid] : Fundación BBVA, D.L. 2010. Debatiremos sobre o autor e a súa obra o próximo 28 de outubro, venres, ás 19 h. na biblioteca.

wired

Portadad da revista Wired (San Francisco, 1993)

Como bibliotecarios non nos queda outra que ser fans de McLuhan, así como para a revista Wired (San Francisco, 1993- ) que o declara o seu “patron saint”, ou na década dos 70 para todo homo sapiens “The Oracle of the electric age” ou “The high Priest of Pop culture”.  Pero a obra e a biografía do seu autor é moito máis ca estes slogans.

Herbert Marshall McLuhan naceu no 1911 en Edmonton, Alberta, en Canadá, e dende neno vaise vivir coa súa familia a Manitoba, terra de lameiros e granxeiros, que sempre terá presente cando percorra o impacto dos media no que el chama as “Bonanza lands”- salvando as distancias ben podería ser a nosa Galicia-.

bonanzaMcLuhan adícase ao estudo da literatura e a lingua inglesa, primeiro en Manitoba e logo na Universidade de Cambridge, onde os seus decimonónicos compañeiros tíñano por un alumno de segunda. O curioso da súa biografía intelectual é cómo un profesor de literatura inglesa da o salto ao estudo dos media; parte da resposta dánola el mesmo nun programa de televisión:  é “por estudar todo do que desconfía ou non entende”, e o que non logra entender é o mundo ó seu arredor, os grandes cambios que se estaban a producir na información na década dos cincuenta e sesenta e o impacto dos mesmos na nosa identidade.

A súa obra, lonxe da metodoloxía académica,vaise achegando aos media mediante a acumulación de coñecementos e que el mostra mediante ideas que van cachoando pequenas burbullas nas que utiliza glosas e aforismos como reclamo coa intención de chamar a atención advertindo que  “o medio non é algo neutral”. Recorrer a eses aforismos é, na voz dalgún dos seus colegas, como un acto poético de rebeldía tomado das sociedades non letradas.

Reproducimos aquí algún deles:

  •  “a electricidade é información
  • o medio é a mensaxe
  • dirixímonos cara o futuro utilizando o espello retrovisor”penguin
  • a interdependencia electrónica reconstrúe a imaxe do mundo nunha aldea global

 

Lonxe do determinismo tecnolóxico, McLuhan é consciente do cambio que está a acontecer no seu momento e considera esencial o estudo da información e as tecnoloxías da comunicación para entender esas transformacións no noso interior. Poderíamos dicir que McLuhan nos di que se metemos nun saco tres gatos, un o gato da tecnoloxía, outro o da cultura e outro o das persoas, teríamos unha regeifa no que a tecnoloxía sairía indemne e reforzada – como reforzado sae o poder –  mentres que a cultura e a persoas un tanto mancadas.

Para el os medios ían ser os mediadores da noso ser e presenza no mundo “Aldea global interconectada”; pasarían a ser unha extensión do noso corpo. Sen sabelo nin vivilo intuía o mundo dos ciborg do que despois nos falaría Katherine Hayles. Pero non foi o único que pensaba en cómo as extensións culturais afectaban ao noso, e imos reproducir aquí unha das preciosas citas que McLuhan vai debullando para mostrar o seu mosaico teórico:

Hoxe o home desenvolveu extensións para practicamente todo o que adoitaba facer o seu corpo. A evolución das armas comeza cos dentes e mais o puño  e remata coa bomba atómica. As roupas e casas son extensións dos mecanismos biolóxicos de control de temperatura. Os mobles collen o sitio de anicar e sentar no chan. Os instrumentos de poder, as cristalerías, as televisións, os teléfonos, e os libros que transmiten a voz a través do tempo e mais o espazo son exemplos de extensións materiais. O diñeiro é un xeito de estender e almacenar o traballo. As nosas redes de transporte fan o que adoitan facer os nosos pés e lombos. Con efecto, todas as cousas materiais de manufactura humana poden tratarse a xeito de extensión do que o home fixo en tempos co seu corpo ou cunha parte especializada do seu corpo. ”

Edward T. Hall. The silent language, p. 79

Son moitos os temas que sacou a relucir; como os seus colegas e estudantes dicían era un constante fluxo de ideas, que o levaron a o encumbramento e incluso a ser unha pequena estrela mediática; pero cando as ideas xa non eran o novidosas que deberían ser, tendo en conta a década dos 70 e o “fast culture”, McLuhan descendeu aos marxes, pasando as súas máximas e aforismos a ser bromas pesadas en todo canto plató da televisión era convidado. A maiores a súa Universidade, posta no mundo grazas ao noso autor, pecha o seu Centre for Culture and Technology por falta de lealdade ó mesmo, e tamén por xurdir un forte debate no mundo académico sobre o posible financiamento dun centro dirixido por un “Charlatán”. Morreu pouco despois do peche no ostracismo.

Animámosvos a ler a obra e outras que poden servir de fío no seu pensamento, especialmente a Neil Postman, quen considera a McLuhan o seu mestre e a Roger Chartier, que desde outro punto de vista nos fala da lectura dixital como unha volta á escoita frente os ollos.

Temos que felicitarnos e dar as grazas e a noraboa á magnífica tradución que nos fixo o profesor Manuel Outeiriño, así como o limiar do noso exreitor Darío Villanueva, así como e pola edición por parte do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC na súa colección de Clásicos do Pensamento Universal.

Outros recursos que vos recomendamos:

Postman, Neil. Tecnópolis : la rendición de la cultura a la tecnología. — [Barcelona] : Galaxia Gutenberg,  D.L. 1994

Chartier, Roger. Escuchar a los muertos con los ojos : lección inaugural en el Collège de France / Roger Chartier. — Buenos Aires : Katz, 2008

Marshall McLuhan no Museum of Modern Art

This is Marshall McLuhan: The Medium is the Message, documental producido pola Cornegy Library

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s