Biblioteca Concepción Arenal, Dereito civil, Exposicións, Facultade de Dereito, Historia do dereito, Noticias e novidades, Personaxes, Profesorado

Exposición Luís Porteiro Garea. Verbas dun loitador

O 15 de setembro de 1915, o profesor da cátedra de Dereito civil, Luís Porteiro Garea, pronunciou no paraninfo da Universidade de Santiago a primeira clase en galego da que se ten constancia, titulada A transformación do Dereito civil pola Gran Guerra. Así, na Biblioteca Concepción Arenal, inauguramos unha exposición sobre a traxectoria académica e universitaria de Porteiro, que estará aberta ata o 11 de novembro deste ano.

Lois Porteiro

Presidida polo reitor Juan Viaño, interviñeron no acto o decano da facultade de Dereito, Gumersindo Guinarte, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o catedrático emérito da USC José Antonio Gómez Segade, que fixo un emotivo discurso nunha sala ateigada de público entre o que se atopaban familiares de Luís Porteiro. Logo do discurso, na Facultade de Dereito asistiuse á colocación dun vítor realizado pola escultora Soledad Penalta.

O reitor Viaño lembrou no seu discurso a revisión que hoxe se está facendo do movemento político, social e cultural dos Irmandiños, que subliña a súa modernidade e as súas ansias de reinterpretar a herdanza provincialista do XIX “baixo o prisma dos movementos que xorden co novo século,  moi en especial o republicanismo e o agrarismo, e mesmo nalgunha medida o feminismo”.

Para o reitor, o pensamento de Luís Porteiro presenta “a lucidez e radicalidade da xuventude”. “Nel vemos o avogado que nos primeiros anos da súa carreira profesional non rexeita defender sindicalistas en Madrid e o republicano federalista, temperán teórico do galeguismo, que reflexiona sobre a nosa realidade rural ou sobre a interacción Galicia-España”, dixo, á vez que recoñeceu a súa “decidida e favorable postura” acerca da presenza da lingua galega na universidade e na vida pública e política.

Luís Porteiro
Luís Porteiro licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1911 con Santiago Carro, Fernández Mato, Xaime Quintanilla, José Fuciños e o mesmo Castelao, e alentados por Salvador Cabeza de León e Armando Cotarelo pulan polo emprego do galego na universidade. Desde a asociación estudantil Joven Galicia mobilízanse pola constitución da Biblioteca América á que se negaba a reitoría, reclaman a cátedra de Lingua e Literatura Galaico Portuguesa que se pretendía instaurar en Madrid e demandan unha facultade de letras e ciencias.

En 1911, sendo estudante, comeza a publicar na Gazeta de Galicia na sección «Del ambiente» e outras colaboracións con temas universitarios e de actualidade, sempre desde posturas progresistas na defensa dunha educación universal e aliñado coas posturas feministas da época, coa redución da xornada laboral, coas ideas sociais de Joaquín Costa ou coa reivindicación da identidade galega.

Na revista Suevia publica en 1913 Resurgimiento Gallego, un manifesto anticaciquil e agrarista no que pon exemplos da súa curta experiencia como secretario do Concello de Arzúa. De 1912 a 1913 reside en Madrid preparando a tese de doutoramento que presenta a finais de ano na Universidade Central co título El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo.

En Madrid publica no xornal lerrouxista El Radical na sección «Galicia», na que o caciquismo foi o tema recorrente e onde fixo un achegamento á singularidade dos problemas do campo galego. Vincúlase ao grupo intelectual máis galeguista en Madrid con Rodrigo Sanz e Aurelio Ribalta cos que, posteriormente, colabora na revista Estudios Gallegos.

whatsapp-image-2016-10-27-at-20-35-19En 1915 comeza o seu labor docente como profesor de Dereito Civil na Universidade de Santiago. Exerceu de secretario da facultade e, nalgún momento, desenvolveu o posto de secretario xeral da universidade. O 16 de setembro dese mesmo ano pronuncia a que foi a primeira conferencia en galego na universidade, titulada A transformación do Dereito civil pola Gran Guerra, onde se centra no dereito público. En 1916 pronuncia en Vigo outra conferencia sobre a Influencia de la Guerra en el derecho público y privado, que versa máis sobre o dereito privado e na que debulla moitos dos seus posicionamentos sobre o feito diferencial de Galicia.

En 1915 preséntase a concelleiro de Santiago de Compostela polos agraristas e resulta nomeado en decembro ao non haber candidatos suficientes, cargo que exerce ata o seu pasamento.

Ademais do seu labor como docente na universidade, abre un despacho de avogado en Santiago desde onde defende aos afectados polos incidentes de Nebra (Mártires de Nebra), ou na folga do 1917 aos obreiros de Santiago, polos que tamén foi encadeado.

O 18 de maio de 1916 constitúese a primeira Irmandade da Fala na Coruña; a segunda foi a de Santiago de Compostela días despois, nun acto celebrado o domingo, 28 de maio de 1916, no Círculo Católico de Obreiros na rúa do Vilar, 21 presidida por Luís Porteiro Garea, quen deu o discurso inaugural da Irmandade.

Fai distintas colaboracións no semanario A Nosa Terra, e son especialmente significativas as que escribe desde a sección «Verbas d’un loitador» nas que deixa a pegada dos seus posicionamentos políticos.

Foi un dos artífices da celebración da Asamblea das Irmandades que se desenvolveu en Lugo en novembro de 1918. Moitos dos seus posicionamentos quedaron reflectidos no Manifesto, e mesmo se recollen nunha carta enviada a Peña Novo antes de morrer, pero él non chegou a defendelos. Morreu por causa da gripe o 27 de outubro dese mesmo ano.

 

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

2 thoughts on “Exposición Luís Porteiro Garea. Verbas dun loitador

  1. Prorrogouse esta exposición ou xa rematou?
    Grazas!

    Posted by Manuel Roca Cendán | 9 Decembro 2016, 21:31

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s