Facultade de Dereito, Muller, Profesorado, Varios

As precursoras na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela

A historia da muller na universidade non foi, nin moito menos, un camiño de rosas. Ata o século XVIII non se rexistran as primeiras constancias de estudantes femininas nas aulas e, as poucas que había, tiveron que verse ata comezos do século XX, privadas da consecución de títulos acreditativos dos seus estudos. As poucas intrépidas que se atrevían a explorar este mundo exclusivo de homes, ata tiñan que facelo vestidas como un deles, “rompendo un tabú tan secular na sociedade como o era a diferenciación pola vestimenta entre ambos sexos”, chegou a afirmar María Zambrano.

O mundo xurídico en xeral e as aulas das facultades de Dereito en particular son dous ámbitos nos que a incorporación da muller se ten producido máis tarde e con menos impacto que noutras áreas. E en Galicia esta tardía incorporación é aínda máis acentuada. Na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, a primeira matrícula (1921) prodúcese 44 anos despois de que a primeira muller matriculada na mesma titulación na Universidade de Barcelona (1877) -se exceptuamos a mais que probable asistencia ás aulas da carreira de Dereito de Concepción Arenal disfrazada de home, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en España-, e non exerceu a sua primeira catedrática ata o século XXI, 36 anos despois que a primeira catedrática de Dereito nunha universidade española.

Este relato antollasenos cun certo regusto agridoce. Por unha banda, a innegable necesidade de recoñecemento a estas precursoras que, grazas a elas “as mulleres teñen dereito a ter expectativas no mundo académico”. Pola outra, o feito de que, en pleno século XXI, teñamos que celebrar a excepcionalidade que todas elas representaron e representan.

As alumnas

A incorporación da muller ás aulas da Facultade de Dereito foi máis tardía que noutras áreas do coñecemento, e non foi ata a década dos anos 80 do século pasado en que a súa presenza comezou a ser constante e aumentando ano a ano.

Once anos despois de que se permitira a matrícula oficial das mulleres na Universidade española temos a primeira muller nas aulas da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago.

Luisa Cuesta Gutiérrez

luisa-cuesta

Natural de Valladolid, e que logo de acceder ao corpo Facultativo de Bibliotecarios e Arqueólogos , comezou a traballar na Biblioteca da USC no ano 1921, permanecendo ata 1930. Tamén exerceu docencia na Facultade de Filosofía e Letras.

Matriculouse nese mesmo ano na Facultade de Dereito e, ata 1923, cursou 15 asignaturas, das que sacou 11 coa cualificación de sobresaínte. A pesar deste extraordinario curriculum, o mundo xurídico non era para mulleres. Os seus pasos profesionais ficaron vencellados ao mundo das bibliotecas, no que realizou un importante traballo na conformación da Biblioteca América da USC e, xa en Madrid, na dirección da Biblioteca Nacional, xa en plena guerra civil.

Na sua estadía en Galicia, colaborou co Seminario de Estudos Galegos, e foi  autora de numerosos traballos sobre a historia da emigración en América e a imprenta en Galicia.

A nosa compañeira Lourdes Pérez, ten feito unha biobibliografía de Luisa Cuesta moi completa no Álbum de Mulleres, do  Consello da Cultura Galega

Elena Revuelta

Natural de Pontevedra, estivo matriculada no curso preparatorio de Dereito no curso 1922-1923, pero non chegou a matricularse na Facultade. É de salientar a conferencia que deu na Federación de Estudiantes Católicos sobre “La mujer en la universidad” publicada en “El Compostelano” o 8 de marzo de 1923.

María Pura Lorenzana

pura-lorenzana

Natural de Vilasante (Lugo), foi a primeira galega matriculada na Facultade de Dereito; entre os anos 1925 e 1928 cursou 9 asignaturas da carreira, acadando 8 sobresaíntes e  1 notable. En 1935 solicitou o traslado do seu expediente á Universidad de Madrid onde rematou a carreira. Tamén se licenciou en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, en cuxa Facultade exerceu como docente auxiliar no curso 1930-31 e, despois da guerra, entre 1942 e 1956.

Foi profesora en distintos institutos de Madrid e de Galicia, entre eles o Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, do que foi primeira directora. Na década dos 40 e 50 desenvolveu unha intensa actividade no campo da reforma do ensino medio e do bacharelato feminino na España da época.

As docentes

Para ver a primeira docente  “auxiliar de clases prácticas” na Facultade de Dereito tiveron que pasar máis de 56 anos desde que a normativa o permitía (1910), e non foi ata xa entrado o século XXI en que tivo a sua primeira catedrática e a sua primeira decana. A día de hoxe unicamente 6 mulleres acadaron a cátedra na Facultade de Dereito compostelá, das que unicamente 3 son nadas en Galicia.

María Carolina Rovira Flórez de Quiñones Primeira docente

Natural de Palencia, licenciouse na Universidade de Granada no ano 1966, e doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela, en 1969. No curso 1966-1967 comeza o seu labor docente como axudante de clases prácticas no departamento de Filosofía do Dereito.

En 1973 acadou o rango de primeira profesora Titular do mesmo departamento, no que permaneceu ata a sua xubilación en 2007. Foi colaboradora das revistas Anales de la Cátedra Francisco Suárez, de Granada, e Verbo, de Madrid.

Entre 1978 e 1994, desenvolveu o labor de Secretaria da Facultade, sendo o/a docente que máis tempo estivo nese cargo. Igualmente, foi a primeira presidenta da Comisión da Biblioteca Concepción Arenal, dato do que queremos deixar constancia a modo de sentida e cálida homenaxe.

 

Elisa Pérez Vera, acadou por concurso a cátedra de “Dereito Internacional Público e Privado” no ano 1979, pero non chegou a exercela na USC, Encarnación Roca i Trias e Teodora Torres García foron , en 1978 e 1982 respectivamente, as primeiras agregadas a cátedra (figura docente xa desaparecida).

 

María Paz García Rubio. Primeira catedrática

paz-garcia-rubio

Licenciouse na Facultade de Dereito da Universidade de León no ano 1984, e doutorouse na mesma universidade no ano 1988. É profesora titular de Dereito civil na Universidade de Santiago de Compostela desde outubro do ano 1989 e a  primeira catedrática que exerceu nela desde o ano 2000.

Ao longo destes anos boa parte dos seus traballos estiveron relacionados cos dereitos das mulleres, sobre todo nas relacións contractuais e no dereito de familia, as relacións de parella e a violencia de xénero.

Entre os anos 2006 e 2007 foi Vicerreitora de Calidade e Planificación, desde onde desenvolveu distintas iniciativas sobre a situación da muller na Universidade, poñendo en marcha a Oficina de Igualdade da USC.

Na actualidade é membro  da Comisión Nacional de Codificación.

Milagros Otero Parga. Primeira decana

milagros-otero

Natural de Santiago de Compostela, licenciouse na sua Universidade no ano 1983, e acadou a cátedra de Filosofía do Dereito no ano 2011. Os seus traballos centráronse na argumentación xurídica, os dereitos humanos e a mediación.

É a primeira muller académica numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia.

E tamén a  primeira e única muller Valedora do Pobo, cargo que desenvolve na actualidade.

Advertisements

About carenal

Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela

Conversa

Aínda non hai comentarios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 12,290 visitas