A obra coa que comezamos o ano non é outra que os Cadernos de Jonas Mekas. Cuaderno de los sesenta : escritos 1958-2010 ; traducción Guido Segal ; [presentación Pablo Marín]. — Buenos Aires : Caja Negra, 2017, e quedamos, como sempre, na Biblioteca Concepción Arenal o venres 31 de Xaneiro do 2020.
Para este blog, vainos resultar canto menos difícil facer unha pequena entrada para Jonas, pois na súa persoa atópanse miles de facetas: poeta, cineasta, exiliado, amigo, axitador cultural…., si, e moitas, moitas outras cousas que non podemos imaxinar polo momento, xa que a súa obra se expande, ao xeito de como el mesmo apelaba en relación á mirada do público.
Jonas Mekas naceu en Lituania no ano 1923, nun duro momento para o que eran os pequenos pobos que formaban o vello escudo da Rusia.
Neno do rural, críase na aldea de Semeniškia –inmortalizada para sempre na súa película Reminiscences of a Journey to Lithuania, 1973-, nunha casa na que a súa nai campesiña e o seu pai carpinteiro tiñan un volcán de libros baixo o chan, grazas a Polivas o seu irmán mais vello.
Mekas identifícase pouco, ou mais ben nada, coa vida que lle rodea e adopta para si dende moi novo o papel de poeta a modo e semellanza dun poeta local xudeu que vivira preto de Papilys; a partires dese momento vai intentar construir a súa nova “profesión” por medio da palabra escrita, cousa nada doada tendo en conta que estaba nun mundo onde os libros escaseaban e ao tempo supoñían un artefacto perigoso; non obstante, o noso autor logra sempre rodearse de bibliotecas, primeiro en Lituania contando coas bibliotecas de Polivas, a do seu veciño Valkiunas, a de Cigas e finalmente a do seu tío Jaŝinskas “un home sabio, amigo de Spengler”; e despois no seu longo periplo como desprazado, onde sempre se apañou para conseguir o que el chama unha valixa de libros.
Mekas cóntanos no seu pequeno diario “I had no where to go. Diary of a displaced person” a súa corta vida en Europa como a de un lituano errante, sen rumbo, ao igual que moitos milleiros de persoas, a causa da situación política que vive, primeiro como membro da resistencia anti nazi e despois como activista antiestalinista. A cultura é o que o vai manter vivo a el e ao seu irmán Adolfas no seu paso polos distintos campos de traballo e de refuxiados na Alemaña Nazi e a Francia ocupada.
O que el considera a súa viaxe involuntaria, xunto co seu irmán, llévao aos Estados Unidos, un destino azaroso onde todo muda para el grazas ao encontro con Marie Meken -compatriota súa- e unha cámara Bolex.
A partires de aí, nada vai ser igual, nin para Mekas, nin para nós.
A Bolex e tamén o seu mestre Hans Richer, profesor no City College de Nova York e protector de moitos exiliados, inxíreo no que é o cine persoal e de vangardas, e con ela Mekas fai súa a proclama de Descartes: “Fago cine caseiro, logo vivo” “Vivo, logo fago cine caseiro”.
No ano 1954 faise cargo xunto ao seu irmán Adolfas da revista Film Culture (1954-1994), cabeceira fundamental na vida cultural do momento onde se da difusión de grande parte dos traballos do cine independente e experimental do momento: John Cassavetes, Robert Frank, Andy Warhol, Harry Smith, Markopoulos… e poderiamos continuar con parte de toda a cultura underground da cidade de Nova York.
Cadernos é en realidade unha crónica e intrahistoria social e política da contracultura da costa leste: e a súa lectura no momento actual non nos deixa indiferentes, grazas á vitalidade, persuasión e detalle que nos ofrece o autor, que ao longo das súas páxinas convídanos a coñecer e entrar noutra forma de ver o mundo.
Un mundo rompedor, radical e libre que busca vías fóra dos modelos da industria e do poder, no que poderíamos ver en parte certas similitudes co que facían os situacionistas franceses a esta beira do Atlántico. Non podemos esquecer que Mekas leva na súa valixa intelectual todas as vangardas literarias e a literatura socialista lituana e soviética.
Os Cadernos son poesía e actitude visual, crítica, difusión e apadriñamento do “Free”, antes de que o cine fora underground, punk, indie ou alternativo, as performace foran performance e a coreografía e a rúa se entenderan.
Pensamos que a viaxe dos Cadernos é un tanto o espello escrito da súa película Walden : diaries, notes and sketches (1968), rexistro autobiográfico cunha estética de polaroid sonora.
A Bolex fronte ao dixital, e os Cadernos fronte á crítica formal, transmítennos optimismo e alegría a dia de hoxe, e ese era o obxectivo político e estético de Mekas, un home que levaba nas súas costas grandes cargas de tristura como nos mostra na citada cinta de Reminiscences of a Journey to Lithuania (1971-1972).
Mekas sempre será un eterno desprazado e cremos que é o que lle permite ter unha visión sabia do mundo que lle tocou vivir e, de xeito egoísta, neste momento supón para nós un bo xarope para aliviarnos a dor desta época.
Outros recursos:
- MoMa: Judson Dance Theater. The Work Is Never Done
- Robert Whitman: Performances From The 1960’s
- Antology Film Arquives
- The Film-Makers Cooperative (New York)
- Fundación do Film-Makers Cooperative.
- Mekas, Jonas. Ningún lugar donde ir. Buenos Aires: Caja Negra, 2008.
- Mekas, Jonas. Diario de cine : (el nacimiento del Nuevo Cine Norteamericano). México, D.F: Mangos de Hacha, 2013.
Conversa
Aínda non hai comentarios.