Latest Post

@ nas marxes. Desplazamientos

Para este mes de maio, propoñemos a lectura urxente de Desplazamientos. Arquitectura y refugiados de Andrew Herscher. O debate da obra farémolo o 27 de maio no noso benquerido Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC ás 18.00h.

Este pequena obra ten como misión imposible facer unha contrahistoria da arquitectura en relación aos refuxiados, entendidos como poboación en estase en espazos de protección, contención e confinamento.

Por unha banda, a  Wikipedia define a arquitectura como a arte e a técnica de proxectar, deseñar e construir modificando o hábitat humano, estudando a estética, o bo uso e a función dos espazos, xa sexan arquitectónicos ou urbanos.

Por outra, a Convención sobre os Refuxiados de 1951 define ao refuxiado como “alguén que non pode ou non quere regresar ao seu país de orixe debido a un temor ben fundado de ser perseguido por razóns de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a un determinado grupo social ou opinión política“. Na posta ao día da Convención cabe incluír os desprazados por cuestións medioambientais, pobreza ou, simplemente, por migración forzada.

O noso autor parte da idea de que “o asilo non é so un dereito, tal e como se describe nos dereitos do home e o dereito humanitario; tamén é un espazo. O dereito internacional sitúa este espazo nun “país” diferente ao da cidadanía que posúe o refuxiado, pero este espazo tamén ten forma arquitectónica sobre a cal o dereito internacional mantén un silencio explícito. ”

Ernst May e as vivendas de refuxiados de Gleiwitz, 1919-1925

Esta obra móstranos que a arquitectura e os desprazamentos teñen unha historia conxunta e indisoluble que convén recuperar. Ambas son cambiantes pero resulta obvio que unha exerce o dominio sobre a outra e non fai falta dicir cal delas sae vitoriosa e cal sofre as súas consecuencias. 

Traballar os desprazamentos humanos arredor do discurso da historia da arquitectura hexemónica e dominante supón poñer a esta patas arriba, e afondar os criterios e as categorías de análise, que se dislocan en parte, ao saltar as alarmas pola falta de ética e xustiza ao ser considerados estes principalmente como un “mero excedente humano”.

A contrahistoria da arquitectura e a propia práctica contemporánea consideran que non queda outra que empezar a reivindicar a xustiza social, o urbanismo activo, os movementos de guerrilla arquitectónica, a categorías dos espazos informais, entre outras moitas cousas.

Así Herscher, de partida, proponnos neste libro repensalo todo e, principalmente, as directrices do “humanitarismo ” vixente que en certo modo son unha herdanza do pasado da postguerra europea que se vai adaptando ás circunstancias contemporáneas no marco da violencia, guerra, pobreza, crise ecolóxica e neoliberalismo.

Ao longo da súa historia, este humanitarismo ás veces pode chegar a ser unha caixa de ferramentas en mans do poder e das Organizacións internacionais, que ven a posibilitar unha xestión áxil nas crises de desprazados. O máximo expoñente do mesmo, atópase no “Emergency handbook” do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados.

Tres son os espazos que se van problematizar. Estes marcan a división do traballo de Herscher, e todos eles están relacionados coas solucións que se foron dando, tanto na historia como na actualidade, nun mundo de partida violento e cun esquema neoliberal: a) a cidade dos refuxiados utilizada como espazo para acoller futura man de obra; b) a vivenda dos refuxiados, desenvolvida para determinadas identidades étnicas e relixiosas coa pretensión dunha posible asimilación; e, finalmente, c) o campo, entendido como espazo cun tempo indefinido onde o refuxiado se sitúa como apátrida.

Alvar Aalto deseña a casa que medra no Research Laboratory for Reconstruction no MIT, 1941. o. Vivenda da serie VOK. Archivo Alvar Aaltomuseet.

 “Máis especificamente suxiro que a arquitectura do desprazamento foi conformada pola política da cidadanía, das divisións laborais nacionais e do Estado–nación. Cando o Estado imaxina aos refuxiados como parte da forza laboral, a arquitectura para refuxiados deriva cara ás cidades; cando imaxina aos refuxiados como cidadanía, a arquitectura deriva cara á vivenda; e cando o Estado non pode imaxinarse aos refuxiados nin como cidadáns nin como traballadores, a arquitectura deriva cara aos campos.”

Estas tres tipoloxías dominantes deben ser observadas dende unha mirada atenta e crítica, posto que o que está en xogo na actualidade é arredor de 65 millóns de persoas desprazadas por mor da guerra, a política, a economía, ecoloxía… e o inimaxinable.

Mais alá de analizar a cidade, a vivenda e o campo, interesa seguir as diferentes definicións de refuxiado, interesantes para un posible debate, máis alá da dada pola Convención. Por poñer algún exemplo, o autor destaca a que ofreceu no seu día en “We refugees” Hannah Arendtunha refuxiada con voz e axencia propia- ; a actualizada de Giorgio Agamben, que considera ao refuxiado como o único e posible suxeito político colectivo na actualidade tendo en conta tanto a desaparición do Estado-nación como o contexto global de desprazamento efecto da crise política e ecolóxica do planeta neste momento e, finalmente, a de Liisa H. Malkki como “obxecto epistémico en construción” a nivel de dereitos políticos. Un obxecto que está a converterse, xa non nun excedente, senón en algo normativo polo propio malestar do mundo e que pode incidir na construción de futuros desexables ou posibles por parte de todxs.

Herscher considera cómplice desta marxinación e anulación do outro á propia historia da arquitectura, e dalgún xeito propónnos pensar a posible transformación da mesma baixo a premisa de novas categorías do espazo, os dereitos políticos, a axencia dos implicados e principalmente todo o anterior dende a xustiza social, reivindicando unha arquitectura da humanidade e non “humanitaria”.

Refuxiados no Templo de Teseo en Atenas. Library of Congress Digital Archive. 1922.

Xa non é ético pensar no posible deseño de refuxios para refuxiados. Non son unha especie diferente do humano, co cal non requiren dunha arquitectura para outra especie.

Outros recursos:

. Fellini, Federico. E la nave va (1983)

. Fernández-Vivancos González, E. (2018). “La casa que crece” en el AA-System de Alvar AaltoZARCH, (11), 110–121. https://doi.org/10.26754/ojs_zarch/zarch.2018113210

. Mellino, Miguel (2021). Gobernar la crisis de los refugiados: soberanismo, neoliberalismo y acogida en España. Madrid. Traficantes de Sueños

Arquivo

RSS Feed descoñecido

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.

Categorías

10º Aniversario da Biblioteca Concepción Arenal
Código QR

Estatísticas do blog

  • 18.416 visitas